Os petos de ánimas

Os
petos de ánimas atópanse en camiños e encrucilladas de toda Galiza, e son unha das
manifestacións materiais do culto aos mortos, da devoción polas ánimas.
Galiza é un
pobo profundamente relixioso, sentimento herdado dos seus antepasados e
afincado en tradicións de santos repartidos por toda a nosa terra. É xeral a
crenza en milagres, pequenos e grandes, e para todo se pide o favor do
Ceo.
O significado
A crenza da
continuidade da alma despois da morte e da existencia dun paso intermedio para
chegar ao ceo, onde se redimen os pecados e faltas cometidas en vida (o
purgatorio), está moi
arraigado na mentalidade popular galega.
Dentro das construcións
populares, os
petos de
ánimas son os que evidencian a importancia do
purgatorio. A
finalidade destes elementos populares é que os vivos poidan ofrecer
esmolas para
a salvación das almas en pena que non encontran descanso no purgatorio, e así
alcancen a felicidade no ceo. Unha vez liberadas, intercederán por quen fixo a
ofrenda. Por tanto, trátase de procurar a salvación dos mortos pero tamén de
se asegurar a propia.
Moitos deles foron construídos
pola devoción dun fregués ou polos veciños dun lugar. Son moi curiosas as
advertencias que se fan no seu nome. Por exemplo, no de Famelga de Aguasantas (Cotobade)
lese textualmente: "Un alma tienes y no más, si la pierdes qué
harás...". Tamén se invita a recordar os nosos antepasados: "Ave
María Purísima. Acordaos de las ánimas de vuestros padres o abuelos o tíos o
parientes o amigos". E, noutra parte do oratorio, apréciase esta
inscrición: "Rogad por nos - Señor y socorrednos con vuestros sufragios
que nos pidiremos por vos".

Peto de ánimas debuxado por Castelao
A súa orixe
As
almas do purgatorio son a meirande devoción galega despois dos santos, de Cristo e da Nai; e, aínda que o
culto teña a súa raizame no cerne mesmo do espírito galego, as mostras que se
conservan son serodias.
A idea do purgatorio, aumentada e
revitalizada a partir do
Concilio de Trento (século
XVI), fixo que se desenvolvese a práctica da construción destes monumentos
populares cunha determinada iconografía. Pero segundo parece, en Galiza é no
século XVIII cando se fan a maior parte destes monumentos dedicados ás ánimas;
e os máis antigos conservados corresponden ao século XVII.
Localización e dimensión
As
encrucilladas
aínda inspiran temor aos naturais do País, e a súa causa está en que pervive
nas crenzas actuais consideralas como lugar que fora destinado ao enterramento,
especialmente dos apartados da comunidade cristiá, de aí a crenza de que polas
mesmas vaguen durante a noite as almas dos condenados.
Tanto a súa dimensión como
iconografía son variadas, polo que é difícil estabelecer unha morfoloxía xeral,
aínda que si se pode indicar que o corpo central do peto está composto por unha
cavidade na que normalmente se representa ás ánimas no purgatorio, en relevo,
pintura,… e un peto ou hucha para botar as esmolas. Estes elementos veñen a
maioría das veces acompañados doutros secundarios:
cornixas,
pilastras, portiña de ferro, etc.
O culto aos
petos de
ánimas
Tamén é habitual que ao pasar por
diante do peto, se rece unha oración polas benditas ánimas para que poidan saír
do purgatorio. Tamén se lles agradece algún favor feito, porque acostuman a
axudar aos vivos. Pídeselles axuda para solucionar algún problema e
colócanselles flores no seu recordo, pois hai que telas sempre presentes. Ás
ánimas, sobre todo, ténselles respecto e non se poden esquecer nunca.