As pallozas

As pallozas

 

 Volta á casa


 

 

Se queres ver unha foto dunha palloza de Canteixeira, pica aquí.
 

        A serra dos Ancares conserva aínda os últimos exemplos dunha das máis primitivas construcións do continente europeo e reflexo do patrimonio cultural de Galiza : as pallozas.
        Esta construción tradicional da zona, dedicada a vivenda de persoas e animais até hai poucas décadas, mantén unha gran similitude coas edificacións dos antigos castros prerromanos, polo que a súa existencia supón a conservación ao longo do tempo do reflexo das vellas cabanas célticas e retrotráenos ao berce da nosa historia.

        Galiza conta, na actualidade administrativa, cunhas 250 pallozas, que están principalmente na vertente occidental da Serra de Ancares, nas parroquias de Donís, Pando e Cereixedo, aínda que outros moitos lugares e concellos da montaña luguesa tamén contan con exemplares illados desta construción. 

Características da palloza

        A palloza é unha construción circular ou elíptica, realizada en pedra, madeira e palla de centeo (colmo), destinada a vivenda, corte e almacén. Persoas, animais, apeiros e alimentos compartían o mesmo espazo, especialmente nos longos e duros invernos da zona. Esta organización permitía afrontar os temporais invernais sen necesidade de saír ao exterior.
        No centro da palloza acendíase o lume, que servía para cociñar e para quentar o habitáculo. Ao seu redor estaban os distintos espazos, separados por uns rudimentarios tabiques construídos con táboas, espazos destinados a dormitorios, cortes, despensa, almacén de alimentos para os animais, almacén de leña, etc. Até o forno estaba dentro da palloza.
        En toda palloza podemos atopar as seguintes características: constan dunha base ovalada, sobre a que se levanta un muro, cunha altura media de 1,70 m. Todo o conxunto cóbrese de colmo, palla entrelazada e cosida que fan ás veces de cordas que anoan o tellado. Este descansa sobre o pau que se coloca no centro de cada semicírculo, chamados pés de armar, acabados nunha bifurcación tesoirada. Cada un remata nunha lousa situada no chan. E, en canto á bifurcación de cada pau hai unha viga, o cume, da que parten cara os muros unha serie de madeiros, tiradores ou cangos. En canto ao interior, cómpre dicir que adoitan estaren divididas en dúas grandes partes, metade para as persoas e metade para o gando. E na parte destinada á vivenda pode atoparse a lareira e tamén unha pequena habitación. 
        Hoxe en día, as pallozas xa non se usan como vivendas, e ao perder esa condición quedan convertidas unicamente en corte, palleiro ou almacén de produtos agrícolas. Entón, comeza o seu deterioro. E simultaneamente a súa perda de valor e a diminución da poboación, fai que se vaian perdendo os oficios necesarios para construír ou manter unha palloza, até o punto de que hoxe son contadas as persoas capaces de amañar ou substituír o tellado dunha destas construcións. Esta situación agrávase coa desaparición progresiva do cultivo do centeo, do que se obtén a palla coa que se constrúen os teitos e o encarecemento da madeira de castiñeiro, parte fundamental da construción.
        Por este motivo, e por ser parte moi importante do patrimonio cultural da nosa terra, na actualidade, emprendéronse tarefas destinadas á súa conservación e a facilitar de novo á súa posta en valor. Algunhas delas xa foron restauradas, e continúan, en xeral, dedicadas a usos agrícolas e gandeiros, aínda que outras serán destinadas a usos culturais e sociais.

Volta á casa