Os muíños

Os primeiros muíños encontrados en
Galiza datan do Neolítico e son muíños de man,
chans onde se moían os grans fregando unha pedra contra outra. Na época romana
utilizáronse os muíños circulares de man que na Alta Idade Media aumentaron en
tamaño e pasaron a ser movidos por auga.
OS MUÍÑOS DE RÍO
O
muíño é
unha máquina que utiliza a forza da auga do río para moer o gran. Para iso move
dúas grandes pedras e no medio o gran. Estas grandes pedras son capaces de
converter o gran en fariña, sexa de centeo, trigo ou millo.
Os muíños de
río presentan dous tipos fundamentais:
os de rodicio, coa
roda motriz horizontal, que son os máis antigos e abundantes; e
os de bruia, coa roda motriz vertical, que son máis recentes e se coñecen co nome de
aceas. O
muíño destinado ao trigo denomínase muíño albeiro.
Un muíño de
rodicio horizontal consiste no seguinte:
A forza da auga que entra polo
rego move o rodicio, ao chocar coas penlas, que son as que reciben o impulso da auga, que roza co penedo
e a pedra. Como
o gran de trigo ou centeo ou millo baixa pola muxega
remata triturado entre as pedras. A zona do muíño onde vai o rodicio chámase
inferno.
Realmente é por onde sae a auga a gran presión e choca coas penlas do rodicio,
facendo xirar deste xeito a moa, que é a que tritura. A peza de atrás é para deixar pasar
máis ou menos auga ou tapar simplemente. O freo
levanta máis ou menos a pedra do penedo, podendo moer máis fino ou baixándoo
de todo impedirlle que xire. O tarabelo salta sobre a pedra e fai vibrar a
cornizuela
para que vaia deixando caer o gran. Os muíños teñen mecanismos para detectar
cando se termina o gran, incluso tamén para levantar a pedra para arranxala,
cando se pon lisa.
O río recóllese nunha presa, logo
desvíase por un rego até un tanque por onde a auga penetra con forza no muíño para mover o rodicio
e normalmente ten un quebradoiro para desviar outra vez a auga ao río.

Muíño de Borneiro (Cabana de Bergantiños)
Os muíños poden ser comunitarios.
Neste caso,
cada veciño dispón dunhas horas prefixadas para usalo, e reciben o nome de
muíños de herdeiros. Tamén poden ser de propiedade particular
e entón reciben o nome de maquías, por chamarse así a cantidade de gran que cobran por moer (a
maquía era sobre una libra —600 g por cada once quilos— e onde se alugaban
a cambio de fariña).
Os muíños foron pezas moi importantes
na economía e no desenvolvemento da vida nas aldeas, así coma do seu folclore
e das súas lendas. Hoxe, cubertos moitos por hedras e silvas, fálannos dun
pasado que se vai e da utilización de novos medios técnicos para moer o millo,
o trigo e o centeo. No muíño xurdiron
cancións, refráns, contos e até unha danza: a muiñeira. Unha
muiñada era unha antiga xuntanza festiva de mozos e mozas en torno aos muíños, mentres se esperaba pola vez para
moer,...
Unha noite no muíño
unha noite non é nada
unha semaniña enteira
esa si é muiñada.
O muíño do meu pai
eu ben lle sei o tempero:
cando está alto, baixalo
cando está baixo, erguelo.
Fun esta noite ó muíño
nin moín nin muiñei;
perdín a trenza do pelo
iso foi o que gañei.
Ademais dos muíños de río, hai muíños de vento e muíños de mar ou de maré.
MUÍÑOS DE VENTO
En gran parte da costa galega sopran
ventos constantes ao longo do ano, a unha media de 25 km/h. Esta enerxía foi
aproveitada cos muíños de vento, utilizados normalmente en Galiza como
substitutos dos muíños de río en épocas de seca.
Corresponden ao tipo de muíño
fixo de torre, construción cilíndrica
de pedra e tellado cónico. Mediante
abanos ou
aspas de madeira, ou con
velas, recollían o vento e facían xirar os
mecanismos internos para moer o gran.
Moitos destes muíños de vento
están derruídos, pero dende hai uns anos estanse a recuperar algúns, tal como
ocorre cos situados no monte Abalo, en Catoira, fronte á ría da Arousa.
MUÍÑOS DE MAR OU DE MARÉ
As zonas costeiras atlánticas
teñen mareas vivas, con gran
diferenza do nivel de auga entre preamar e baixamar. Son, pois, propicias
para aproveitar a enerxía maremotriz con muíños de mar
ou de maré.
Os muíños de marés en Galiza
constan dun edificio no que se colocan os mecanismos para moer o gran, e dun
gran muro de pedra con comportas de madeira. Cando sobe a marea ábrense as
comportas do muro e a auga inunda a presa ou recinto no que queda retida a
auga. Cando a maré é baixa, ábrese unha comporta do muíño e a auga descende polo
seu propio peso, cara o mar, e move o rodicio. A partir de aquí funciona igual
cós muíños de río.
Actualmente están restaurados
algúns muíños de mar, como o da Seca en Cambados, o das Mareas en Muros e o
das Aceñas na Arousa.
Partes do muíño
Debuxo feito dun muíño de Lobeira (A Limia) tirado de Xocas:

| 1. Pau da moega | 18. Canle |
| 2. Garabato | 19. Cargadeiro |
| 3. Espicela | 20. Veo |
| 4. Moega | 21. Árbol (Árbore) |
| 5. Adella | 22. Argolas |
| 6. Tarabelo | 23. Pau da porca |
| 7. Moa | 24. Aro das penas |
| 8. Ollal | 25. Rodicio |
| 9. Pousadoiro | 26. Cabazo |
| 10. Sentadoiro | 27. Vara |
| 11. Trabe do aliviadoiro | 28. Pena |
| 12. Aliviadoiro | 29. Pexadoiro |
| 13. Pau do aliviadoiro | 30. Aguillón |
| 14. Farneiro | 31. Porca |
| 15. Pé | 32. Culler das penas |
| 16. Cubo | 33. Canela |
| 17. Espera |