Os hórreos


O
hórreo (espigueiro,
piorno, canastro, cabazo
ou cabaceiro) é unha das
construcións típicas de Galiza e complementaria da vivenda rural. Está
destinada a gardar o
millo
ou maínzo e outros froitos.
A súa forma e o seu nome varía dunhas comarcas a outras, aínda que todos
cumpren as condicións fundamentais de ventilación para o secado do gran e de
defensa contra os roedores.
Polo que respecta á arquitectura
popular,
hórreos e
muíños representan as construcións máis importantes,
por canto na economía tradicional o gran foi o elemento primordial da
alimentación da poboación galega durante séculos. Despois da incorporación do
millo
ao sistema de cultivo produciuse un enorme incremento
na produción de cereal, que comportou a construción dun grande número de
hórreos, nos que se gardan as
mazorgas e as
espigas, e de muíños, nos que o gran se converte na
fariña que logo se coce para facer o pan.
Sobre a súa orixe, existen varias teorías,
pero o máis probable é que xurdira en plena cultura castrexa como
almacén ou
secadoiro
de grans.
De calquera xeito, o clima húmido durante o inverno en Galiza e a necesidade
de illar os alimentos, en especial os
cereais, esixiría a
utilización dalgún recipiente, seguramente un cesto pendurado ou sobre pés, o
que daría orixe ao primeiro
cabazo.
As primeiras noticias históricas sobre o
hórreo atopámolas en diversos autores romanos, no século I a.C., e
descríbense dunha feitura moi semellante aos de hoxe. Na Idade Media aparecen
debuxados por primeira vez nas Cantigas de Santa Maria de Afonso X o Sabio
(século XIII).
Están constituídos por cámaras
xeralmente rectangulares coas súas paredes de pedra e madeira con cuberta de
tella a dúas augas e algúns adornos —cruces e
pináculos—,
que descansan sobre pés ou
cepas de
pedra
e, en ocasións, sobre
celeiros (espazo baixo a
cámara pechado por paredes que poden ter distintos usos), a fin de protexer o
cereal da humidade do chan e máis dos roedores, para o cal os pés adoitan levar
tornarratos
—ou tamén chamados moas—, habendo que
acceder a eles por escadas de man. Normalmente, para facilitar a ventilación
destes celeiros, ademais de ter
físgoas para o aire,
dispóñense en lugares abertos nos que o vento circula con facilidade.
Hai hórreos construídos totalmente
de pedra e igualmente de madeira, mixtos (pedra e madeira), outros feitos de
varas de carballo, castiñeiro e salgueiro. A cubrición realízase con tella,
palla, granito ou lousa.
TIPOS DE HÓRREOS
A maioría
dos hórreos son de
pedra, de
madeira ou
mixtos
(de pedra e madeira). Os hórreos con cámara integramente de madeira son
escasos.
O hórreo de madeira
Aparece
normalmente apoiado sobre seis pés dereitos, troncocónicos e coroados por seis
moas coa cara superior convexa, que sustentan unha cámara de madeira construída
por unha armazón normalmente de castiñeiro, sobre catro trabes que forman a
grade enriba das que se montan, nas esquinas, catro columnas que reforzan o
conxunto e formando na parte superior outra armazón semellante ás trabes,
denominadas soleiras ou contravigas, que servirán de base á
cuberta. O tellado é a dúas augas. Esta tipoloxía é a máis vulnerable ao paso do
tempo.
O hórreo mixto
Xorde polo
incremento do cultivo do millo durante o século XVII. Presenta moitas variantes
construtivas; nalgunhas parroquias rurais é a variedade maioritaria,
favorecida pola riqueza granítica e forestal dos nosos montes. As súas paredes
penais son de pedra, nunha das cales, polo xeral, vai a porta, e os costais de
madeira, a veces con algunhas columnas de pedra intercaladas, levantándose
nalgúns casos sobre pés redondos ou cuadrangulares e noutros sobre cepas. Hai
tamén hórreos que son variantes do anterior coas paredes dos costados na metade
inferior de pedra, cos respiradoiros horizontais, e a metade superior de
madeira.
A diferenza dos anteriores, os tellados adoitan estar adornados con elementos decorativos, o arcipreste, a cruz, o reloxo de sol ou unha representación escultórica.

O meu hórreo: exemplo de hórreo mixto
O hórreo de pedra
Este tipo de
canastros acadan a miúdo un valor construtivo e arquitectónico que os converte
en apreciadas obras de cantaría. A súa aparición dátase a partir do século
XVIII, adquirindo unha gran perfección formal nas zonas graníticas da Galiza
atlántica.
Outra variedade son os
cabazos, de
planta circular e feitos con vimbios sobre unha estrutura de paus, antes moi
numerosos, máis hoxe en día xa case desapareceron por completo.
O hórreo, dada a súa función de
gardar a colleita, froito do traballo de todo o ano, ten para o labrego unha
enorme importancia, ás veces superior á casa. Por esta razón, presta moita
atención á calidade da construción e á busca da súa localización, a súa
orientación, e coida dunha boa aireación que seque os cereais. Esta busca
orixinou nalgunhas aldeas verdadeiros campos de hórreos, por situalos tódolos
veciños no mesmo lugar.
Tamén, o hórreo, é a manifestación
externa da situación económica do seu dono. A súa capacidade mídese pola
lonxitude expresada en pés. A maior número de pés, maior riqueza do labrego. O
hórreo, tamén pode ser de varios donos, polo que se divide interiormente e cada
un ten acceso independente por portas distintas. Os hórreos de maior dimensión
corresponden case sempre a igrexas, mosteiros ou pazos, que outrora foron
propietarios da boa parte das terras. Pódense nomear: o do Araño
(Rianxo), que mide 37,30 m de longo por 2,40 m de largo e ten celeiro; e o de Carnota, que mide 34,80 m por 1,90 m con 22 pares de pés.
