Concellos


Se desexas obter
estas imaxes con maior calidade, pódesmas
pedir
ao meu enderezo electrónico.
Toponimia baseada nas
normas da MDGA (grazas a Carlos Xesús Varela Aenlle).
Se queres ver os
espazos naturais do Eo-Navia, vai á sección "Lugares de Interese Natural" ou
pica
aquí.
|
|
Características xerais |
|
|
Mantense o -L- intervocálico latino, en palabras como avolo (avó), molín/muín (muíño), ou animales (animais) na maioría da zona, pero cae nas áreas máis occidentais (tamén ocorre isto en Calabor e Padornelo, na provincia de Zamora, así como ocasionalmente no portugués trasmontano). |
|
|
Artigo definido masculino el para o masculino e o neutro: el amigo, el día (o amigo, o día), aínda que nalgunhas áreas alterna con o. Tamén se usa el diante de nomes femininos que comezan por vogal tónica: el outra, el hucha, el eira (a outra, a hucha, a eira). |
|
|
Artigo indefinido feminino uha, nalgunhas áreas a alternativa unha, e por extensión alguha, ninguha. |
|
|
Posesivos meu, tou, sou (meu, teu, seu) e mía, túa, súa (miña, túa, súa). |
|
|
Pronome átono lo, la na zona central e oriental do galego de Asturias: síntolo, xa lo ves (síntoo, xa o ves). Pode asimilarse tras nasal: fálanno (fálano). Na zona occidental hai uns pronomes máis semellantes aos do resto da lingua. |
|
|
Palatalización de -L e -LL- latinos nalgunhas zonas: llúa, caballo (lúa, cabalo). |
|
|
PARA TER MÁIS DETALLES, PICA AQUÍ |
|
|
Podes obter as normas especiais usadas pola MDGA, picando aquí |
|
|
Introdución |
A identidade cultural e lingüística destas comarcas coas da Galiza oriental e as circunstancias que afastaron administrativamente unhas e outras achan explicación na historia.
A Gallaecia prerromana rexistra xa a presenza nesta área de pobos galaicos, étnica e culturalmente identificados como tales, con base no tipo de asentamento, na arquitectura popular, documentos epigráficos,...
A unidade territorial constituída pola Gallaecia durante séculos, plasmada na constitución do primeiro reino da Europa occidental (no século V), viuse resentida pola progresiva perda dos territorios que a compuñan. No caso do Eo-Navia, o inicio da separación formal de Galiza remonta ao século XII, como consecuencia das disputas entre os bispados de Lugo (ao que pertencían) e de Oviedo, que acabaron por facelas depender deste último. Aínda así, nos séculos seguintes continúa a se consideraren estes lugares coma galegos, dada a evidente identidade e a pouca transcendencia das divisións xurídico-administrativas nesta altura histórica.
A medida que o Reino de Galiza vai perdendo entidade até se ver reducido a título carente de calquera contido competencial (proceso parello á imposición da administración centralizada moderna) os territorios orientais requiren unha definición administrativa estable. Así e todo, existen mapas do século XVIII en que a fronteira oriental de Galiza se sitúa no río Navia e outros que a trazan no río Eo.
O racionalismo liberal español topa coa contradición de establecer a moderna división e consagrar unha partición territorial contra natura. As diferentes propostas do século XIX debátense entre a inclusión do Eo-Navia na administración galega ou asturiana. Ao final, o mapa do novo Estado Español de 1833 exclúe esta da administración cuadriprovincial galega. Convén lembrarmos que xa dende tempos do Rexurdimento se rexistra produción literaria galega nesta área, que achegou á nosa literatura figuras da importancia de Armando Cotarelo Valledor, entre outros.
|
|
Situación histórica, xeográfica e socioeconómica |
O topónimo
Eo-Navia aséntase coma denominación correcta dunha zona galegofalante que malia
todo pasa os límites do río Navia en varios concellos e ten sido chamada outras
veces Asturias Occidental ou Entrambasauguas (esta última denominación inventada
pola Academia de la Llingua Asturiana). Son 19 concellos, aínda que algún
deles non ten poboación galegófona en todas
as súas parroquias: Castropol,
Taramundi, A Veiga, Santiso de Abres, Santalla de Ozcos, San Martín de
Ozcos,
Vilanova de Ozcos, Grandas de Salime, Tapia de Casarego, El Franco, Coaña,
Pezós, Boal, Eilao, Ibias, Degaña, Allande, Villaión e Navia. Na denominación da
lingua, as diferentes posturas xeraron un bo número de termos: galego, gallego,
galego asturiano, gallego-asturiano, gallego/asturiano,
astur-galaico,...
A comarca historicamente pertenceu á Galiza. A cultura castrexa é un bo
exemplo, e os terreos entre o Eo e o Navia pertenceron e foron romanizados baixo as
influencias sociais e culturais do Conventus Lucensis. En varios documentos, a
comarca englóbase no Reino de Galiza.
Ademais da lingua existen outros vencellos co mundo galego: arquitectura popular
(hórreo rectangular galego ou cabazo, as pallozas,...); mitoloxía moi
semellante á galega, nalgúns casos exactamente igual; gastronomía; música, aínda
que se critica unha forte aculturización nestes últimos anos por parte das
institucións asturianas, substituíndo a gaita galega pola asturiana e
asturianizando pezas galegas; etcétera.
|
|
O Goberno do Principado de Asturias |
O Estatuto
entra en vigor en 1982 cun texto cheo de lagoas, e especialmente no que se
refire á lingua, xa non só á asturiana, senón que o galego de Asturias parece
estar dentro do que eles chamaron "bable". Nesta época Esquerda Galega pide que
o galego de Asturias apareza na redacción do Estatuto, ao que se opón o
presidente asturiano.
No mes de Maio do 2000, o Goberno Asturiano di que: "El Principado potenciará la
lengua gallego/asturiana en la zona Navia-Eo en común acuerdo con la Academia de
la Llingua Asturiana".
|
|
A Academia de la Llingua Asturiana |
Celebra a súa primeira sesión o 16 de Maio de 1981. Aos seus dirixentes ténselles acusado de intransixencia. Coexisten varias tendencias dentro dela, enfrontadas entre si, pero co galego de Asturias forman unha fronte común, agás honrosas excepcións coma o académico Ramón d'Andrés, que fala de galego e asturiano coma linguas autóctonas e unha foránea, o castelán, en coexistencia. En 1986 tenta facer cursos de asturiano na Veiga e Navia, e dada a contestación social, que despois daría lugar á creación do Grupo Eilao repregouse, para fundar un "submariño" no ano 1995. A "Secretaría Llingüística del Navia-Eo-Academia de la Llingua Asturiana" edita unha revista chamada "Entrambasauguas" coa normativa do asturiano. En varias ocasións arremeteron contra a "inxerencia occidental" ou "neoimperialismo". O Presidente en funcións en Xuño de 2001, Miguel Ramos, di que os galegos non teñen "pito" que tocar nesta zona. A súa última presidenta, Ana Cano, prometeu velar "pola variante llingüística gallego-asturiana o astur-galaica", segundo os estatutos da institución e dixo que "Entre los ríos Navia y Eo fálase una llingua de transición, con unes isogloses que nunca coinciden unes con otres".
|
|
Os partidos políticos asturianos |
Electoralmente,
no Eo-Navia houbo unha hexemonía da UCD que logo e até a actualidade, pasa ao
PSOE, aínda que existen certos concellos da dereita.
O PSOE posúe unha política lingüística ambigua para Asturias, aínda que
nos sectores nacionalistas asturianos se lle pon xunto co PP como culpable da
situación de falta de cooficialidade da lingua asturiana. Respecto ao galego de
Asturias, existen grandes diferenzas entre a militancia. As Juventudes
Socialistas de Asturias (JSA) acusan aos maiores de non defender "a fala", pero
sempre deixando claro que a consideran diferente do galego e do asturiano.
A postura do PP é contraria á cooficialidade do asturiano usando ás veces
a situación lingüística do Eo-Navia contra os sectores asturianistas na súa
defensa da inexistencia do asturiano.
IU non ten unha postura clara. Nos últimos anos alíñase coa Academia.
O
Partíu Asturianista (PAS), foi impulsado en 1985 por un exdeputado
socialista saído da Academia por diferenzas co presidente e famoso tamén polo
seu enfrontamento con Méndez Ferrín nunha reunión celebrada en Galiza sobre o
asturiano e o galego de Asturias.
A liña ideolóxica non está definida. Repite cun deputado no parlamento do 95,
pactando co PP de Sergio Marqués, e sacando adiante a Ley de Uso y
Promoción del bable/asturiano, en 1998, pero opoñéndose a que na lei
apareza referencia algunha ao galego de Asturias. Un ano antes cualificaran de delirante
e vexatoria a pretensión do BNG de que se aprenda galego no Eo-Navia.
A
Unión Renovadora Asturiana (URAS), é un partido rexionalista,
escisión do PP logo da crise no goberno de 1998. Nega a existencia do galego de
Asturias, malia contar nos cadros con nacionalistas xa históricos procedentes de
UNA ou PAS.
Andecha Astur (AA), nace en 1990 de forzas nacionalistas de esquerdas.
Nos seus puntos fundamentais vai a integridade territorial asturiana onde suman
terras ao Norte de León, Valdeorras e La Liébana cántabra. Do Eo-Navia din que
alí se fala asturiano ou unha variante. A súa política lingüística recóllese nun
documento denominado Exes onde acusan: "varios sectores xeran unha situación
conflitiva no proceso normalizador do asturiano aproveitando a existencia de
falas de transición entre os ríos Navia e Eo, que se espallan tamén máis aló do
Eo, no oriente galego", e din que "quérese rachar a integridade lingüística
asturiana". Piden medidas contra a "continua agresión sociolingüística que
padecen dende Galiza" e son moi críticos coa MDGA. Teñen boicoteado a
presentación dun libro de Xavier Frías sobre o galego exterior e téñense mobilizado tras
de pancartas co lema "Galleguización non".
O Bloque de Izquierda Asturiana (BIA) naceu como coalición de forzas de
esquerda, unha delas escisión de AA. Sobre a cuestión lingüística do Eo-Navia, mantiñan unha postura ambigua, pero máis dialogante
cá de AA. Aceptaban tanto "fala"
como "gallego-asturiano". Algúns deles (PCPE) admitían a oficialidade do "gallego-asturiano"
no seu ámbito. Actualmente o BIA xa non existe.
A desaparecida Xunta Nacionalista Astur (XNA) presentara un anteproxecto
da Lei de Normalización do Asturiano, rexeitado, onde recoñecían que o falado no
occidente non era asturiano. Nesa liña tamén estaba a Lliga Asturiana.
|
|
As asociacións culturais asturianas e persoeiros |
A Xunta
pola Defensa de la Llingua Asturiana, pasou por varias xeiras, unha en
colaboración coa MDGA, anos máis tarde baixo o control de AA, e agora cunha
postura menos dura no conflito lingüístico do Eo-Navia. En 1996 publican un
manifesto pola oficialidade da lingua asturiana, ao que suman un apartado do
galego de Asturias.
A Fundación Belenos é unha das máis belixerantes con Galiza, sendo varios deles abertamente antigaleguistas. Publica a revista "Asturies" onde o movemento
nacionalista galego non sae nunca ben parado. Moitos dos seus integrantes son
tamén membros de AA. Representa as esencias da "alma celta" asturiana, e
acúsaselles de teren falsificado datos etnográficos, arqueolóxicos ou históricos
relacionados co Eo-Navia, Galiza e o mundo céltico en xeral.
A Mesa prá Defensa del Galego de Asturias (MDGA). A Mesa prá Defensa del
Galego de Asturias e da Cultura da Comarca (MDGA) nace o 30 de Outubro de 1988
en Grandas de Salime da fusión do Grupo de Eilao Pro Defensa da Nosa Lingua, a
Asociación Cultural Ántola de Ibias e varias persoas sensibilizadas con esta
reivindicación. A asociación plantexouse actuar no ámbito dos concellos da zona
asturiana de fala galega ademais dos máis orientais da parte luguesa (Navia de
Suarna, A Fonsagrada, A Pontenova, Trabada e Ribadeo). O 29 de Xaneiro de 1989
celebra a súa 1ª Asemblea en Santiso de Abres, e a partir de aí comeza a
reivindicación das posturas galeguistas no Eo-Navia. Dende entón leva
participado en varios encontros e xornadas, así como recibido diversos premios
polo seu labor. Un apartado salientable será a sección de publicacións nestes
anos: "A Freita", revista da MDGA que xa vai polo número 15, "O Espello" sobre
poesía, a revista "Britonia" (con dous números) sobre aspectos de investigación
científica, a colección de contos para nenos "Castelo das Letras" (que xa vai polo
número 6), as Normas Ortográficas e Morfolóxicas del galego de
Asturias, a
Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos e varios títulos sobre etnografía
e literatura. Nos últimos anos remitiu moito a súa actividade. No ano 2003 o seu
labor foi recoñecido ao lle concederen o
Pedrón de Honra 2003.
Asociación
Abertal. É a herdeira natural da Mesa prá Defensa del Galego de Asturias,
presidida por Carlos Xesús Varela Aenlle. A Mesa foi diminuíndo a súa actividade
tan drasticamente que se podería dicir que hoxe xa non realiza ningún movemento a
prol da protección do galego en Asturias. Ante esta situación, Carlos e outra
xente non puideron quedar quedos ollando como o galego desaparecía a mans dos
movementos asturianistas irracionais e a presión do castelán, polo que se
decidiu crear esta nova asociación para defender a cultura, a lingua e as
tradicións do Eo-Navia. Podedes contactar con eles no seguinte enderezo:
terra-navia-eo@vieiros.com
Xeira, nace no 1990, cunha posición "claramente asturiana", denunciando a
situación de abandono cultural da zona occidental, integrada por cincuenta
persoas, e con fins culturais, ecolóxicos e lingüísticos, propiciada polo PSOE.
Cualifican a normativa da MDGA como "impresentable", rexeitando a denominación de
galego de Asturias e propoñendo a de "gallego-asturiano". Nas súas publicacións
seguen normas onde sempre se escolle a forma que máis se diferencie do galego.

Cotarelo Valledor. O que en principio era un colectivo de escritores rematou converténdose nunha biblioteca virtual eonaviega. Ten a finalidade de publicar traballos literarios eonaviegos en formato de libro electrónico para poderen seren descargados gratuitamente. Está liderado por Xavier Frías e edita o boletín electrónico "A Carqueixa".
Carlos Xesús Varela Aenlle.
Xeógrafo, etnógrafo e profesor ocasional de lingua galega en Asturias. Nado en
Castroverde, dende moi novo foi vivir ao Eo-Navia. Investigou os hórreos do
leste de Lugo e do Eo-Navia, publicando o libro de gran interese O hórreo de
tipo asturiano na montaña oriental de Galiza no 2001. Colabora nas revistas
"A Freita" e "Britonia" da Mesa prá Defensa del Galego de Asturias (MDGA). É o
autor da obra Toponimia del Eo-Navia (2000), básica en calquera
biblioteca, e de artigos sobre xentilicios e a paisaxe eonaviega. Está a
redactar un vocabulario dos concellos de fala galega de Asturias. Indesmaiable
defensor da galeguidade eonaviega en foros a onde acode desde Oviedo,
colaborador habitual de Vieiros (edición Terra Eo-Navia) é un dos principais
impulsores do "Colectivo Abertal del Eo-Navia pola defensa da nosa lingua na
nosa terra". Foi nomeado pola Real Academia Galega como académico
correspondente a finais do 2004 polo seu labor a prol do Eo-Navia e a defensa da
súa realidade lingüística e cultural.
Benigno Fernández Braña. "Beni" é o presidente da MDGA dende a súa
fundación. De profesión médico rural no concello de Eilao, foi unha das
primeiras persoas sensibilizadas co tema da reivindicación da defensa da lingua
e cultura da comarca do Eo-Navia, e alma do xérmolo da MDGA o Grupo Eilao Pro
Defensa da Nosa Lingua xunto con varios mestres. Loitador incansable, levou
nestes anos moito do peso cultural e reivindicativo da defensa do galego de
Asturias, asistindo a varias xornadas e xuntanzas e organizando reunións con
políticos para achegar a realidade cultural da comarca Eo-Navia ás institucións
tanto asturianas como galegas denunciando a discriminación existente nesta
comarca. Nos últimos tempos diminuíu moito a súa presenza pública.
Xavier Frías. Profesor na Universidade Complutense de Madrid, é un dos
históricos defensores do galego no Eo-Navia. Está detrás do Colectivo Cotarelo
Valledor e foi o editor de Vieiros Terra Eo-Navia (actualmente o editor é Carlos
Aenlle). Ten unha extensa obra
publicada, tanto no que se refire á creación (poesía e contos), coma no eido da
investigación lingüística e literaria.
|
|
O problema dende Galiza |
No PP non acostuma a aparecer o tema do galego
de Asturias nos seus programas, pero si membros teñen falado de defender o
galego alí onde se fale. Cando presidía a Xunta tenlle dado subvencións á MDGA.
O PSOE é o partido menos interesado na cuestión, e respecto ás
organizacións nacionalistas galegas en Asturias é e foi practicamente
inexistente, agás algunha colaboración na zona de Comisións Labregas ou do BNG,
pero sen ningún tipo de incidencia ou de inxerencia política. A
TVG
ampliou a cobertura co repetidor do Mondigo en Ribadeo, moi criticado polos
sectores asturianistas. É doado captar a imaxe desta televisión na bisbarra
Eo-Navia, e mesmo nas zonas centrais asturianas como Avilés e Lluanco (Gozón), cunha
audiencia estimada do 13% no Eo-Navia. Axudou moito á revalorización da cultura
galega de Asturias.