O galego

O galego

Volta á casa

 

 

    O galego é unha lingua de orixe románica. Na Idade Media o galego medieval e máis o portugués eran a mesma lingua: o galego-portugués. Por motivos políticos Galiza separouse da súa irmá Portugal, a cal acadou a súa independencia. Mentres Portugal formaba un grande imperio por América, África e Asia e estendía o seu galego-portugués, o galego-portugués da Galiza adormeceu.

    Durante a Idade Media, o galego-portugués era a lingua máis importante de Europa literariamente falando xunto co provenzal (tamén coñecido como occitano antigo). Eran linguas de trobadores e poetas. O galego foi respectado por todos e falado por reis e altos señores na Galiza, Portugal, León e Castela. Trala separación de Galiza e Portugal, o galego-portugués rematou por desaparecer dando lugar ao galego e ao portugués.

    O galego quedou durmido con contados documentos escritos até o século XIX, onde o movemento chamado Rexurdimento (da man de Rosalía de Castro, Pondal e Curros Enríquez) lle deu novos alentos. Aínda así, durante a ditadura de Franco (1936-1975) o galego volveu estar prohibido (a pesar de que houbo movementos a prol do seu uso a finais dos 60). Hoxe en día é unha lingua perfectamente válida a calquera nivel, aínda que recentemente entrou na lista de linguas en perigo de extinción da UNESCO. O motivo é o desprezo por parte da maioría do sector economicamente forte do país, co consecuente desprezo por parte dos non tan economicamente fortes, os cales pensan que falando castelán teñen máis oportunidades de avanzar na vida.

    Hoxe en día fálase galego en Galiza (sobre un 70% da poboación, cunha grande tendencia a descender), entre os ríos Eo e Freixulfe (dez quilómetros alén o río Navia) en Asturias, na zona do Bierzo en León e na zona das Portelas e Calabor en Zamora. Nos concellos de Hermisende, Pías, Porto e Lubián, en Zamora, un 98% da xente fala galego. Tamén se fala galego na parroquia de Calabor, no concello xabrés de Pedralba de la Pradería e na aldea asturiana de Trabao, en Degaña. Entre os ríos Freixulfe e Barayu fálase un galego de transición, así como nalgunhas zonas da metade oriental do concello asturiano de Villaión.

    Tamén se fala unha variante en Estremadura, en Cáceres, no Val de Xálima, procedente dos concellos das Portelas que repoboaron a zona no século XII (unhas 5000 persoas).

    É preciso comentar que Galiza é o segundo país mundial con máis emigrantes (despois de Cabo Verde), co que o número de falantes real é bastante maior. De todos xeitos o número descende de forma vertixinosa.

 

 

Zonas

Falantes

Galiza

1 500 000

Asturias

50 000

León e Zamora

25 000

Estremadura

5 000

O galego dos emigrantes

500 000

 

Volta á casa